Encontro Internacional

Encontro Internacional

Do 21 de outubro de 2022 ao 31 de marzo de 2023

Desde a Cámara de Comercio de Santiago, de maneira conxunta con UNINOVA (Concello de Santiago e USC) preparouse durante o mes de setembro unha candidatura para acoller en marzo de 2023 (previsiblemente do 7 ao 9 de marzo de 2023), un encontro internacional de xestores do programa Erasmus para Mozos Emprendedores.

Neste encontro participarán técnicos de cámaras de comercio, centros de investigación, consultoras, universidades, centros de innovación, hubs empresariais, consultoras, PEMES e emprendedores, entre outros; todos eles xestores do programa Erasmus Emprendedores de 38 países. Este programa pertence á Comisión Europea e a Axencia Europea de PEMES, polo que  tamén acudirán técnicos e responsables políticos destas entidades.

Tanto a Cámara de Comercio de Santiago, como Uninova son intermediarios do programa a nivel nacional e foron quen promoveron, xunto co Concello de Santiago, que a Cidade de Compostela fose o escenario deste Encontro Internacional, ademais de ser os organizadores do mesmo.

Presentáronse sete ofertas de sete cidades distintas para acoller o encontro, todas elas demostrando o seu interese e bo facer; finalmente o Comité da Pilotaxe do programa, tivo en conta a mellor oferta en base ás seguintes características:

• Dispoñibilidade de datas e o orzamento presentado.

• Idoneidade dos espazos propostos.

• Elementos innovadores, axenda e ecosistema empresarial da contorna.

• Calidade xeral de toda a proposta no seu conxunto e que inclúe todos os elementos solicitados pola Axencia Europea para PEMES e Consello Europeo da Innovación.

Despois de ser analizadas as sete propostas, foi seleccionada polo Comité de Pilotaxe do programa a proposta coordinada e presentada pola Cámara de Comercio de Santiago conxuntamente con Uninova e o Concello de Santiago.

Cámara de Comercio de Santiago de Compostela

A Cámara de Santiago participa no programa desde o ano 2016 e neste período xestionou máis de 150 intercambios. No consorcio que lidera a Cámara participan outras Cámaras de Comercio como a Cámara nacional de Ucraína, a Martinica, o parque tecnolóxico da Universidade de Ankara entre outras entidades de 9 países (España, Portugal, Italia, Francia, Irlanda, Chipre, Albania, Ucraína e Turquía).

UNINOVA

UNINOVA, a incubadora de empresas do Concello de Santiago de Compostela e da USC, participou por primeira vez neste Programa non ano 2010, co consorcio internacional “Europa Emprende”, e na actualidade ou fai co consorcio YEIM, integrado por entidades públicas e privadas de 8 países europeos (España, Alemaña, Italia, Francia, Croacia, República Checa, Lituania e Bulgaria). Entre os anos 2017 e 2022 xestionou máis de 100 intercambios, sendo a maior parte deles de novos emprendedores españois que saíron a outros países.

Mentres que a Cámara de Comercio de Santiago contará cun orzamento de máis de 300 mil euros para intercambios de novos emprendedores, UNINOVA contará cun orzamento de 225 mil de euros, tamén para financiar intercambios empresariais de mozos emprendedores nalgún dos 38 países participantes en Europa ata o ano 2027. Por último, lembrar tamén que o programa conta con destinos GLOBAL, en Estados Unidos, Canadá, Israel, Singapur, Taiwán e Corea do Sur que están activos ata o ano 2024.

Ambas as entidades recibiron xa a comunicación de que os seus consorcios seguirán traballando no programa ata o ano 2027.

CONTACTO